Patrimonio Cultural Inmaterial

A cotío cando se fala de cultura a xente pensa en obxectos artísticos ou nos datos que coñece unha persoa. A Cultura ou as Culturas son moitos máis que iso, o xeito de comportarse, como se navega unha embarcación, a estructura das familias... forman parte do corpus cultural, das Culturas.

O intanxible é moitas veces esquecido, adoita ser o derradeiro eslabón en ser protexido, defendido, dende as administracións e a lexislación; mais non por iso é menos importante. Temos que ter presente que durante milleiros de anos as culturas foron transmitidas a través da oralidade, quen somos, ata onde chegamos e grande parte do que pensamos cando alguén nos pregunta "cara onde queres ir?" ven dado polo que pais, nais, avós e avoas, tíos, curmás, irmáns, veciñas e xentes dacolá foron contando de boca a orella.

Cando se fai referencia a PCI ou Patrimonio Cultural Inmaterial, fálase daquela parte do Patrimonio Cultural que non pode ser tocada físicamente, aínda que poida estar vencellada a elementos materiais: unha dorna é un obxecto material, intimamente ligada a esta embarcación temos os coñecementos de como navegar coa vela de relinga, os fondos da ría que cada mariñeiros coñece cando vai lanzar as redes ou cando a lúa sinala a mellor marea para pesca-las luras. Inmaterial e Material son categorías que auxudas a crear clasificacións, pero o Patrimonio Cultural é un todo indivisible, e todas as partes son imprescindibles.

Lamentablemente, mentres se destinan millóns de euros en grandes pinacotecas, apenas unhas porcentaxes pequenas son investidas no Patrimonio Cultural Inmaterial. Lonxe de empregar este espazo para queixarnos, loubamos os esforzos de quen emprega os seu tempo e enerxía -e os seus cartiños!- en protexer e transmitir o PCI en Galicia.